A Restauración Monárquica

Neste mesmo ano, co pronunciamento do xeneral Martínez Campos, prodúcese a restauración monárquica en España e o inicio do reinado de Alfonso XII. Instáurase un sistema bipartidista de "alternancia" entre o Partido Liberal e o Conservador. Esta democracia "formal", cun sistema electoral non estritamente democrático, traería certa estabilidade institucional, que tomou carta de natureza coa promulgación da Constitución de 1876.

Tras esta, publícase en 1878 a Lei Constitutiva do Exército pola que a Garda Civil pasa a integrarse como un Corpo adicional naquel, dado que ata agora fora considerada como "corpo auxiliar do Exército". A actuación da Garda Civil estaba sometida á xurisdición militar e mesmo "...a agresión ou resistencia a esta, senón o simple insulto a calquera dos seus individuos no exercicio das súas funcións... " caía dentro desta, posto que "...en ningún caso perde o seu carácter de instituto armado e de sentinela permanente". Isto supón que a Garda Civil tivese un gran protagonismo no mantemento da orde pública, baixo dependencia do Ministerio da Guerra. Nos anos seguintes produciríase unha relativa laxitude no cumprimento das instrucións dos gobernadores civís e mesmo que as disposicións do Ministerio de Gobernación debesen ser propostas ao Ministerio da Guerra e cursarse dende este. Producíronse tensións entre ambos os dous ministerios como os intentos de levar a Institución á órbita civil, cun reforzamento da dependencia do Ministerio da Gobernación, por parte de Moret en 1884 e Silvela en 1891, e os contrarios do xeneral Weyler dende o Ministerio da Guerra. Unha consecuencia destas disputas foi que empurrou o Ministerio da Gobernación a reforzar a Policía en detrimento da hexemonía da Garda Civil en materia de seguridade e orde pública.

A Revolución Industrial foi impulsada de modo extraordinario polo nacemento do ferrocarril; en España o primeiro ferrocarril peninsular, a liña Barcelona - Mataró, inaugurouse en 1848, seguido polo tramo Madrid - Aranjuez en 1851, creándose ao pouco as compañías TBF en Cataluña e MZA que unía o centro peninsular co litoral mediterráneo. Este desenvolvemento posterior fíxose posible polo mantemento da orde no ámbito rural que garantía a Garda Civil. O Corpo asumiría a nivel nacional o servizo de escoltas nos trens de viaxeiros a partir de 1886.

A industrialización dá lugar ao xurdimento dunha clase obreira organizada producíndose un aumento da conflitividade social. Especialmente violentas son as accións do terrorismo anarquista como a bomba do Gran Teatro do Liceo de Barcelona en 1893 e outra serie de atentados. Esta etapa verá a Garda Civil empregada frecuentemente polos distintos gobernos contra as alteracións da orde pública e as revoltas de obreiros e campesiños.

Cuba1891Despois do Desastre do 98, a perda das posesións de Cuba, Puerto Rico e Filipinas na guerra contra os EUA, orixina a disolución dos Terzos do Corpo alí destacados e a incorporación dos seus efectivos ao equipo da metrópole. Este aumento do equipo permite reorganizar a Garda Civil coa creación da Comandancia de Canarias, as Seccións de Ceuta e Melilla e un incremento do número de Postos.

A debilidade presupostaria do Estado xunto á ampliación do equipo levou consigo que os municipios e entidades que solicitaran a presenza do Corpo contribuísen a sufragar o seu presuposto. Así, había efectivos ao servizo de deputacións provinciais, da Xunta de Obras do Porto de Valencia, da vixilancia das minas de Riotinto, etc. Atribúese aos concellos facilitar casa cuartel aos gardas civís e mesmo se autoriza a doazón desinteresada de cabalos ao Corpo por parte de concellos, sociedades e propietarios.