Nesta sección poderá obter información sobre os gardas civís dedicados á loita contra a delincuencia organizada e os delitos por Internet e outros medios telemáticos. En concreto sobre a creación e antecedentes, a misión xeral e os labores fundamentais, a organización e estrutura, así como o despregamento territorial da Unidade Central Operativa (UCO) e dos Grupos de Delitos Telemáticos (GDT).
O Grupo de Delitos Telemáticos foi creado para investigar, dentro da Unidade Central Operativa da Garda Civil, todos aqueles actos delituosos que se cometen a través de sistemas de telecomunicacións e mediante as tecnoloxías da información. En 1996, cando as investigacións sobre delitos informáticos empezaron a adquirir especial relevancia, viuse a necesidade de crear un Grupo especificamente destinado a perseguir esta clase de delincuencia constituído por axentes que unisen á súa preparación en investigación criminal unha boa formación informática.
A mediados de 1999, dado que o campo de actuación se ampliara ás fraudes no sector das telecomunicacións, adoptouse unha terminoloxía máis en consonancia coa realidade, pasando a charmarse Departamento de Delitos de Alta Tecnoloxía (DDAT).
En 2000, prodúcese unha maior especialización dos seus membros, estruturándose nas áreas delituosas de pornografía infantil, fraudes e estafas, propiedade intelectual e delitos de hacking, en consonancia co Convenio de Ciberdelincuencia do Consello de Europa, no que participa persoal da Garda Civil como expertos policiais.
É en 2003 cando a Unidade adquire o seu actual nome: GRUPO DE DELITOS TELEMÁTICOS (GDT) e se crean a nivel provincial os Equipos de Investigación Tecnolóxica (EDITE).
Dende o ano 2002, a Garda Civil organiza anualmente un Foro Iberoamericano de Encontro de Ciberpolicías (FIEC), que se constituíu nun referente de colaboración internacional entre unidades de loita contra a delincuencia informática a nivel latinoamericano e nexo de unión con outros foros a nivel europeo.
O Grupo de Delitos Telemáticos (GDT) intégrase na Unidade Central Operativa da Garda Civil. Os Equipos de Investigación Tecnolóxica (EDITE) encádranse nas Unidades Orgánicas de Policía Xudicial da Garda Civil, despregadas a nivel provincial.